Parque Agrario de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela está no centro da comunidade, a 260 metros sobre o nivel do mar e a uns 30 quilómetros da costa atlántica. A orografía caracterízase por un relevo ondulado cunha rede hidrográfica con máis de 230 km de cursos fluviais. Os máis importantes son o río Tambre e o Ulla, máis próximos ao centro Sar e Sarela. Conta cunha altimetría variable na que destacan montes como O Pedroso, Castromaior, A Espiñeira e A Fontecova entre outros
Segundo o Nomenclátor estatístico de 2021 a poboación do municipio de Santiago de Compostela é de 97.858 habitantes, cun 53,49 % de mulleres. Gañou poboación nos últimos oito anos, 2.376 persoas.
O territorio rural de Santiago fórmano 29 parroquias, o que representa o 16 % da poboación, distribuída en 27 núcleos rurais. Existe unha perda de poboación sobre todo nas parroquias do norte de municipio en contraste coas do sur, que a gañaron. As aldeas do Alto, A Foca e A Lameira non teñen veciños censados, as dúas primeiras pertencen á parroquia da Barciela e a última á de San Paio da Sabugueira. Existen outros 18 núcleos con menos dunha ducia de persoas. É dicir, aproximadamente un terzo das aldeas teñen menos dunha ducia de veciños.
Taboa 1: Distribución da poboación por parroquias no Municipio no ano 2021
| NOME DA PARROQUIA | TOTAL POBOACIÓN | HOMES | MULLERES |
| ARÍNS (SAN MARTIÑO) | 1402 | 716 | 686 |
| BANDO (SANTA EULALIA) | 926 | 416 | 510 |
| A BARCIELA (SANTO ANDRÉ) | 326 | 171 | 155 |
| BUSTO (SAN PEDRO) | 218 | 107 | 111 |
| O CARBALLAL (SAN XULIÁN) | 183 | 100 | 83 |
| O CASTIÑEIRIÑO (NOSA SEÑORA DE FÁTIMA) | 533 | 257 | 276 |
| CESAR (SANTA MARÍA) | 147 | 69 | 78 |
| CONXO (SANTA MARÍA) | 456 | 227 | 229 |
| O EIXO (SAN CRISTOVO) | 1009 | 495 | 514 |
| A ENFESTA (SAN CRISTOVO) | 675 | 316 | 359 |
| FECHA (SAN XOÁN) | 279 | 136 | 143 |
| SANTA CRISTINA DE FECHA (SANTA CRISTINA) | 156 | 66 | 90 |
| FIGUEIRAS (SANTA MARÍA) | 998 | 495 | 503 |
| GRIXOA (SANTA MARÍA) | 250 | 125 | 125 |
| LARAÑO (SAN MARTIÑO) | 1223 | 573 | 650 |
| MARANTES (SAN VICENTE) | 377 | 183 | 194 |
| MARROZOS (SANTA MARÍA) | 1079 | 514 | 565 |
| NEMENZO (SANTA CRISTINA) | 238 | 117 | 121 |
| SABUGUEIRA (SAN PAIO) | 976 | 460 | 516 |
| VIDÁN (DIVINO SALVADOR) | 32 | 14 | 18 |
| SAN CAETANO (SANTIAGO) | 938 | 461 | 477 |
| SAN PAIO (SANTIAGO) | 300 | 150 | 150 |
| SAN LÁZARO (SANTIAGO) | 193 | 98 | 95 |
| VISTA ALEGRE (SAN XOÁN) | 207 | 100 | 107 |
| A PEREGRINA (SANTA MARÍA) | 566 | 281 | 285 |
| VERDÍA (SANTA MARIÑA) | 301 | 137 | 164 |
| VILLESTRO (SANTA MARÍA) | 2156 | 1033 | 1123 |
Fonte: elaboración propia a partir dos datos do IGE 2021
As parroquias con maior densidade de poboación por superficie son as máis próximas á cidade, orientadas ao suroeste e cun marcado carácter residencial. Outros condicionantes que inflúen nun maior asentamento son os derivados dunha menor altitude, o que propicia unhas condicións climáticas máis cálidas e secas. Son as parroquias destas zonas as que dispoñen dunha maior dotación de infraestruturas.
Nos últimos anos podemos observar nas parroquias periurbanas da cidade unha modificación clara do medio natural. Isto é debido á construción de barrios residenciais, polígonos industriais, autovías, concentración parcelaria e cambios na produción agrícola-gandeira.
Os veciños daquelas parroquias máis afastadas cun marcado carácter rural foron abandonando a zona, con excepción daqueles que souberon adaptarse aos novos tempos, ben traballando no sector primario, na produción agrícola, gandeira e forestal, ou, noutros casos, orientándose á restauración ou outros servizos de turismo rural. Esta diversificación do espazo rural compostelán resulta das novas realidades socioeconómicas que fan necesarias unhas infraestruturas viarias e de servizos de calidade.
A dispersión xeográfica é unha característica clara da poboación destas parroquias. Hai 94 lugares con núcleos diseminados, a maioría cunha densidade de poboación moi baixa; así, por exemplo, tan só A Cacharela chega aos 99 censados na parroquia de Aríns, que ten outros cinco núcleos a maiores, seis en total, igual que na parroquia de Busto.
En Bando hai catro núcleos, o que ascende a 79 veciños, mentres que Cesar reúne sete núcleos, O Eixo cinco, A Enfesta tres, Laraño soamente dous e en Villestro non se localiza ningún núcleo diseminado.







