A dieta atlántica

Co paso dos anos recoñécese a dieta atlántica como un xeito de alimentarse aceptado como propio de Galicia. Aínda que o concepto se remonta a uns vinte anos atrás, o certo é que xa hai moito tempo que se estuda, e mesmo numerosas investigacións consideran a dieta atlántica como un factor que podería explicar en boa parte a maior lonxevidade da poboación galega en comparación con outros territorios da península. As características principais, segundo a Fundación Dieta Atlántica, serían:

  • Consumo de alimentos de tempada en abundancia, frescos, locais e apenas  procesados
  • Abundancia de alimentos procedentes de vexetais: verduras e hortalizas, froitas, cereais (pan con gran enteiro), patacas, castañas, noces e leguminosas.
  • Consumo frecuente de peixes e mariscos frescos, conxelados ou en conserva.
  • Consumo de leite e derivados lácteos, en especial queixos.
  • Consumo de carne de porco, tenreira, caza e aves.
  • Consumo de viño, normalmente coas comidas e en cantidades moderadas.
  • Uso de aceite de oliva, tanto para cociñar como para adubos.
  • Preparación culinaria preferente: cocido, guisado e á brasa.

A Fundación Dieta Atlántica, promovida pola Universidade de Santiago, fai unha serie de recomendacións saudables que nos poden axudar, como por exemplo:

  • Consumo de peixe (de mar ou de río) e marisco tres ou catro veces por semana, pola súa achega en proteínas de alto valor biolóxico, ácidos graxos omega 3, calcio, vitamina D e elementos traza.
  • Consumo abundante de cereais, patacas e legumes, xa que son fonte de hidratos de carbono complexos e fibra alimentaria. Recoméndase o uso da cocción como técnica na preparación culinaria da pataca e o consumo de pan con fariñas de menor extracción.
  • Consumo elevado de froitas e hortalizas, ricas en antioxidantes.
  • Consumo diario de leite e derivados, pola súa excelente achega de vitaminas de alto valor biolóxico, ferro e equivalentes de niacina.
  • Preparación sinxela dos alimentos para manter a calidade e o valor nutritivo das materias primas.  A excelente calidade dos produtos da gastronomía atlántica xa forma parte do noso patrimonio cultural e é algo que nos distingue, e, como tal, temos que coidala e difundila.
  • Consumo abundante de líquidos, especialmente auga. Debido ao clima e características do solo, a nosa auga fornece unha gran riqueza de minerais. O consumo moderado de viño nas comidas é beneficioso para a saúde polos compostos antioxidantes que nos achega.
  • Facer exercicio físico é fundamental xunto cunha dieta equilibrada. Tradicionalmente, en Galicia, o traballo no agro e no mar ou a dispersión poboacional facilitaron que isto se cumprise. Hoxe en día, independentemente da nosa profesión ou do lugar de residencia, podemos desfrutar de múltiples espazos acondicionados para a práctica de exercicio ao aire libre. 

Investigadores da USC afirman que a dieta atlántica xera unha pegada de carbono mínima.  Recomenda o consumo de produtos de tempada e de proximidade, polo que é, ademais de saudable, sostible co medio.

A nosa recomendación é que, ademais de consumir produto fresco local e de proximidade, merquemos no comercio local, coñezamos o noso medio natural e sexamos conscientes de que estas prácticas nos axudarán na nosa saúde, na nosa economía, na conservación do noso patrimonio cultural e, sen dúbida, no noso benestar. 

¡Animádevos a coñecer as rutas do Xiro Grande e os puntos de venda!

Interior molino de Baluxa - Aríns
Interior molino de Baluxa - Aríns
Interior molino de Baluxa - Aríns