Agricultura de proximidade

O comercio de produtos de proximidade é o máis respectuoso co medio ambiente debido a que se basea nos parámetros de estacionalidade do produto, na menor distancia entre o punto de recolección e o de compra e no menor tempo entre o momento de recollida e de consumo.

Evita desprazamentos longos en vehículos, reducindo a contaminación ambiental e comercializando os produtos de tempada, o que redunda nunha calidade óptima cun mellor prezo.

Favorece tanto aos produtores da zona rural de Santiago como aos comerciantes, de tal forma que mentres gozamos da cidade faremos a nosa compra e ao mesmo tempo estaremos a contribuír ao mantemento da economía local como consumidores finais.

No ámbito da xestión agronómica ponse en valor o saber acumulado da cultura agraria e gandeira, fomentando as boas prácticas a través da formación dirixida a profesionais da agricultura e da gandería para previr posibles impactos negativos na contorna.

Foméntase unha actividade agraria sostible e respectuosa co medio ambiente e coa contorna, destacando a produción ecolóxica.

Este tipo de produción é saudable e de máxima calidade xa que non usa produtos químicos de síntese e fai unha utilización óptima dos recursos. Desta maneira conserva a fertilidade do solo e respecta o  medio. O sector produtivo benefíciase dun ambiente de traballo sen riscos de toxicidade e non esquilma os recursos naturais, asegurando un futuro a longo prazo.

As persoas consumidoras benefícianse deste proceso obtendo produtos máis saudables, nutritivos e saborosos.

As explotacións ecolóxicas rexistradas e certificadas en Santiago de Compostela, segundo o Rexistro de produción ecolóxica, son 12. Os produtos certificados son: diferentes verduras, hortalizas ou tubérculos, bebidas como vinagres, viño ou sidra, especias, froitas, pans ou leite cru.

Destacan: cabaza,  grelos  acelga, allo, arandos, verzas, brócoli, cabaciña, cabaza, cebola, col, coles de  Bruxelas, coliflor,  espárrago, espinacas, chícharos, fabas, feixóns, leituga, pemento, allo porro, repolo,  romanesco, tomate, cenoria, mazás, vinagres patacas etc. A información completa e exhaustiva de todos os produtos e produtores pode verse na seguinte ligazón.   https://www.craega.es/es/busqueda-avanzada