¿Por qué consumir produto local?

Se hai anos só podiamos consumir produtos en función da estación na que estiveramos, hoxe en día os supermercados e grandes superficies ofrecen todo tipo de produtos frescos durante todo o ano pero, a cambio de que? Máis custos de transporte e incremento de emisións, embalaxes, risco de importación de pragas, suba de prezos… A continuación podes ver varias razóns para consumir produtos locais

Beneficios para a saúde. Consumir produto local supón múltiples beneficios para a nosa saúde e a da nosa familia, porque gañamos en calidade do que mercamos e porque a frescura dos alimentos está garantida de modo natural e non en cámaras de conservación durante días e días. As propiedades organolépticas dos alimentos son moito mellores que as de produtos que nos veñen de moi lonxe e fóra de tempada, que non poden competir moitas veces en sabor, cor ou olor. Ademais, o produto local conserva mellor as propiedades nutricionais orixinais, madura de xeito natural e non depende de conservantes artificiais coma o xénero que chega dende mercados foráneos. Isto redunda nun consumo máis saudable, sostible e respectuoso co medio ambiente. Algúns científicos relacionan a dieta atlántica coa maior lonxevidade da nosa poboación, en comparación con outros lugares da península.

Os grelos da Peregrina, o mel, o pan de fariña tradicional e sementes, son só un exemplo de súperalimentos autóctonos de proximidade que podemos atopar nos mercados locais, o que nos permitirá coidar a nosa saúde e degustar produtos de excelente calidade ao mesmo tempo.

O comercio de proximidade, tal e como sinala o Instituto Galego do Consumo, é máis respectuoso co medio ambiente, reduce os desprazamentos en coche e a contaminación ambiental. Se mercamos no comercio local poderemos consumir máis produtos de tempada cando a súa calidade sexa óptima e a mellor prezo, ademais de que estaremos apoiando os produtores e comerciantes locais, o que repercutirá na mellora da economía da nosa zona. Pode parecer un xesto pequeno, pero coa nosa compra tamén estamos contribuíndo a que as futuras xeracións desfruten de produtos de alta calidade, á conservación da paisaxe e á riqueza natural da nosa contorna. Nos mercados locais podemos atopar produtos hortícolas, carnes en fresco con múltiples elaboracións, pan, mel, cosméticos, conservas, e moitos máis que iremos descubrindo, co valor engadido que supón a súa calidade, a diferenciación, a excelente materia prima autóctona e a dinamización dos sectores produtivos locais en xeral

Fixar poboación no rural é un obxectivo que non sempre é doado de acadar pero se as persoas que optan por residir nas nosas aldeas teñen un medio de vida estable e en condicións dignas será máis doado que tomen esta saída laboral. Por iso, atopar mercado e vías de distribución estable para os seus produtos é fundamental. Se ademais temos en conta o desenvolvemento de novas canles de comercialización, por exemplo a venda en liña, conseguimos que se amplíen os mercados e, polo tanto, máis consumidores poidan desfrutar de produtos de proximidade sen que a distancia sexa unha barreira á hora de mercar. Poder vivir e traballar no rural contribúe a frear o despoboamento, que o rural non sexa só un lugar de vacacións ou descanso en momentos puntuais ao longo do ano. Que os habitantes das nosas aldeas queiran quedar a traballar e a vivir no rural tamén depende de nós. Podemos axudarlles mercando produtos de horta, apícolas, cárnicos, vinícolas, cosméticos…, pero tamén visitando a contorna, aproveitando recursos turísticos locais, gastronomía, aloxamentos, feiras, e múltiples posibilidades máis que están moi preto.

Conservación do medio rural e do patrimonio natural é o que se consegue se somos capaces de fixar poboación nas nosas aldeas e vilas, xa que as persoas que viven nelas, ademais de producir, conservan o medio no que viven, coidan os camiños, as superficies de cultivo e o monte e contribúen a que se manteña a riqueza natural e a flora e fauna autóctonas. Ademais, co seu traballo diario, frean o avance da maleza e o abandono de terras, polo que prestan un servizo fundamental para a conservación do noso patrimonio natural.

Reducir a pegada de carbono, as emisións derivadas do transporte, envasado e comercialización do produto final, é un obxectivo que se consegue máis facilmente cando consumimos produtos de proximidade, xa que os puntos de venda están preto e se reduce o tempo entre a recolleita e o consumo final, esixen moito menos embalaxe, menos conservación, transporte e distribución final. Desta maneira, conseguimos que nos nosos mercados haxa produtos de alta calidade, con menor impacto no medio. De feito, ademais da alta demanda de produtos ecolóxicos, a tendencias do mercado parece indicar que o consumidor está a optar por esta vía que supón mercar tendo en conta a redución da pegada de carbono. De feito, xa é unha cuestión que se empeza a ver tanto en campañas de publicidade, como no etiquetado dalgúns produtos. O consumo de proximidade, polo tanto, parece unha opción moi recomendable. Neste sentido, investigadores da USC afirman que a dieta atlántica xera unha pegada de carbono mínima. Recomenda o consumo de produtos de tempada e de proximidade, polo que é, ademais de saudable, sostible co medio.

Conservación do patrimonio inmaterial: cando saboreamos os primeiros pementos da tempada, os tomates da horta, a tortilla con patacas novas, os cogomelos no outono, un queixo do país con marmelo, o pan fresco, un bo cocido, unha empanada, o polbo á feira acompañado de bo viño, unha carne asada, un biscoito…., entre outras moitas cousas, trasladámonos á nosa infancia, a esas potas fervendo o día da festa, a esas roscas da romaría…, por non falar do cheiro das castañas asadas que perfuma as rúas do Casco Vello no inverno, ou o fume que anuncia o churrasco e as sardiñadas por San Xoán, ou esa queimada que escorrenta os malos espíritos e purifica as almas ao calor das brasas. Que lle imos facer? Somos felices comendo. En Galicia non hai celebración sen comida e sen bebida. A gastronomía e o noso particular xeito de alimentarnos forman parte da nosa identidade.

A calidade dos produtos autóctonos é ben coñecida por nós e por quen nos visita, dentro e fóra do país, e é algo que nos diferenza. Para manter este potencial é preciso apoiar o noso produto, ben mercando, ben visitando a hostalaría local, coñecendo a orixe do que consumimos e a quen nos vende, pagando un prezo xusto sen apenas intermediarios. É importante recoñecer e valorar o esforzo dos nosos produtores por achegarnos a máxima calidade. Se queremos manter vivo o rural e desfrutar de boa comida, e transmitirlle estes valores e estes sabores aos nosos descendentes, merquemos  produto de proximidade!